Identidades imposibles
O Big Data como sinécdoque
A base da que parte este pequeno texto é a visión crítica de Byung Chul-Han e Alexander R. Galloway sobre un dos últimos xiros culturais no contexto dos novos medios, isto é o Big Data e a chamada Internet das cousas (ou 3.0). O obxectivo deste desenvolvemento será tentar a partir do punto de vista desde autores, ligándoos ás correntes analíticas dos estudos culturais contemporáneos, procurar o traxecto de posibles futuros traballos en torno a catro temas que se entrelazan hoxe no contexto dos novos medios: Acción, discurso, identidade e poder.
Para comezar é preciso avaliar o uso que se lle da ao Big Data nestes texto, o que nos leva a unha lectura para nada tecnolóxica, mais conceptual. O Big Data como concepto vai máis alá de prácticas concretas como a análise de grandes volumes de datos, ou a investigación sobre interfaces de usuario, sen embargo, cómpre manter presente que o seu uso se concreta mediante estes procedementos, o que máis abaixo será significativo. Para os autores referidos, o Big Data é o sistema, ou dispositivo, de xestión de poder intrínseco aos novos medios dixitais, as relación que os individuos efectúan a través destes, e a reificación e xeneralización destas accións concretas.
Así, para orientarse na dirección destes autores, pódese marcar como punto de partida esta visión, referida de maneira clara na obra dos mesmos. Byung-Chul Han di en Psicopolítica (p. 21): “O gústame (de Facebook) é o amén dixital. Cando facemos clic no botón de gústame sometémonos a un enramado de dominación”, convertendo ao clic nunha sinécdoque deste enramado de poder dixital. E Galloway en The Interface Effect: “Data Mining é unha arte plástica” (p. 139), o usuario “perde poder sobre o mundo a cambio de poder crear mundos” (p.13). Ambos autores resaltan o poder da acción na interface dixital, que de un modo inconsciente, sitúa ao individuo nunha xerarquía non controlada por si mesmo.
Como se desenvolverá ao longo do texto, a idea de interface dixital exposta polos autores, refire a uns conceptos que a diferencian claramente da súa orixe tecnolóxica, e a sitúan no centro do sistema de poder. Así as chamadas comunidades dixitais forman un sistema de interaccións que sen embargo, a diferencia da comunidade ritual de Víctor Turner non serven para “outorgar un cuño de lexitimación ás posicións estruturais dunha sociedade” (1969 : 95); senón que serven para manter e crear un muro entre o usuario e o poder. O primeiro entón é analizar as posibilidades discursivas da acción.
Da acción á identidade
Nesta última década un dos campos que se ven consolidando nas universidades son os chamados Performance Studies, se ben coa súa base no estudio da performance artística, autores como Schechner ou Alexander, levan a análise cara os discursos e os intercambios de poder no entorno social. Isto débese á capacidade de comprender as posibilidades discursivas da acción, do performer, e agora, do político ou do individuo social. Así Eli Rozik desde o punto de vista do teatro declara: “En teatro a principal función dos corpos é realizar e imprimir textos nos seus propios corpos” (p. 41), “se un acto real implica o eu, un acto icónico implica o el/ela”. O que se reclama aquí é atención sobre o xesto, sobre como este pode ser lido con fin dunha representación, e como toda acción comprende por si mesmo un discurso.
A obra de Rozik enrama de maneira clara con anteriores estudos entre o teatro e a performance, por poñer un exemplo de como se ve un xiro autoreferencial no teatro do S.XX, a idea de teatro posdramático de Lehmann: “O teatro é referido como situación, non coma ficción “ (1999 : 99) ou cando Fischer-Lichte se refire a este como “teatro consciente do seu signo”. Nas artes, a idea de acción-discurso é un tema tratado desde os anos 60. Aquí interesa máis o punto de vista social e cultural, interesa o modo en que Rozik liga con Judith Butler, á que cita no seu libro Generating Theatre Meaning, e que se refire tamén ás posibilidades da acción. Lendo a Beauvoir ve “o xénero como significación performativamente realizada”, xa que como di esta ”non se nace muller, a muller faise”. E o que é máis relevante aquí: “o suxeito ou eu, o individuo, son tan só falsos conceptos, pois converten as unidades ficticias en sustancias” referindo a Monica Wittig. Así, desde os Genre Studies, xa se ven contemplando a idea de suxeito como algo externo, algo lido.
Aínda que poda parecer lonxe de onde os autores dos que partimos, traballan, isto servirá de base para tratar as súas perspectivas. O autor coreano di que “o Big Data fai do aquilo (it) un eu”, logo é a análise a que crea ao usuario, “o Big Data converte o ilexible en lexible”, materializa en datos o que o usuario realiza como xesto non planificado. E Galloway refire a que “o eu hoxe é o calquera cousa (whatever)” de Agamben (e Deleuze). Logo xa se comezan a contemplar relacións dixitais non entre usuarios, senón entre o usuario e si mesmo.
Interface e discurso
Para delimitar o modo en que a interface dixital serve para dar discurso á acción cómpre traer un termo, o de prosumidor (Marshall, 2004) que estudosos da comunicación como Carlos Scolari utilizan xa de modo convencional. Sen embargo tamén cómpre usar este como base para unha análise máis concreta. Xa que a realización da acción cotiá en Internet significa para Galloway algo máis que unha transacción de información ou poder, así di: “toda transacción hoxe é tamén unha transacción afectiva” (2012 : 140). Non é este o momento de tratar o modo en que o desexo é capitalizado polo sistema, tema que o autor trata en The Interface Effect, senón que se parte desta relación afectiva para compreder oa modos do consumidor, e do usuario como creador. Se ben historicamente os artistas se vían compensados economicamente polas súas capacidades creativas, hoxe, a creación aparece como unha necesidade: “Cada un é un traballador que se explota a si mesmo na súa propia empresa” di Byung-Chul Han en En el enjambre. O que parece referir a medios sociais como Reddit, onde a valoración forma parte da comunidade, e a creatividade, dos fundamentos da interacción social. Algo así como o ludic capitalism de Boltanski.
Insistindo en como o discurso xerado pola interface toma o poder, é interesante unha volta a unha obra que Galloway menciona no seu traballo, esta é: O discurso da acción de Paul Ricoeur. Nestas aínda hoxe relevantes conferencias, o filósofo francés fai un repaso do que denomina a filosofía da acción. Para isto conxuga disciplinas como a fenomenoloxía ou a lingüística, incidindo unha e outra vez nas posibilidades que a acción xera para unha lectura discursiva. Se ben desde a súa posición de filósofo, citando a autores como Merleau-Ponty: “É para o meu corpo para o que existe o percibido” (p. 152), tenta concretar a súa análise entre a acción e a lectura, ou representación desta, estruturando o proceso de comprensión destas, que é onde situamos á interface dixital. Así: “querer que p é xa procurar p” ou “dicir é comezar a facer” (p. 98), son un reflexo da complexidade á que ás acción se ven tratadas na súa obra. Aquí é relevante que o individuo, se ve aínda máis separado das súas accións, non xa, polo seu corpo senón, coma para o cyborg de Haraway, polas interfaces que o colonizan.
Comprendida a función creativa do usuario dos novos medios dixitais, podemos dar unha nova pincelada a este, aportando a comprensión do individuo, e do creador posmodernos, que Nicolas Bourriaud fai en Postproducción. O que tenta aclarar o autor francés é como a arte despois do modernismo comeza a “elaborar o sentido a partir da masa caótica de obxectos” (2002 : 13) que é a cultura. E que “unha mensaxe adquire o seu valor no momento en que é retomada e comentada po alguén máis” (p. 16). Isto é máis ou menos o referido polos estudos da performance tratados máis arriba, o uso de signos de modo autorreferencial, non narrativo; sen embargo nun contexto máis amplo e no noso caso, nun contexto social e non só no artístico. O creador é o espectador, é o individuo social.
Discurso é poder. O contexto
Se queda establecida a relación entre interface e discurso, a través da lectura da acción que se fai a través da análise de datos; queda por volver a un tema tamén presente nas obras dos dos autores tratados e na literatura actual sobre crítica cultural. Isto é, a relación entre discurso e poder. Para isto referimos á cita que Galloway fai de Chun en Control and Freedom, “o software é unha analoxía funcional da ideoloxía” (p. 61), e tamén como Althusser, quen ve a ideoloxía como “relacións imaxinarias de condicións reais” (p. 52). Trátase un discurso máis alá da mensaxe mesma, un discurso social, enraizado na ideoloxía, na cultura e na sociedade.
O autor americano tamén cita a Van Dijk (como padriño da escola de Análise Crítica do Discurso), e quen desde Discurso e contexto reclama tamén a necesidade de tomar o contexto como obxecto de análise, é dicir, superar a visión que se ten deste, como a abstracción que fai a pragmática, para tentalo delimitar e valorar de modo científico. É esta unha tendencia presente en outras obras de estudos culturais, como a lingüística cognitiva, que incide “en que a linguaxe está baseada no seu uso” (Ibarretxe-Oruñano, 2012 : 22), logo o poder para constituír o discurso non parte do usuario da linguaxe, senón na lectura, e da súa representación posterior. Pero como Van Dijk tratando o concepto de relevancia: “A definición realizada polo participantes dunha situación comunicativa, controla a influencia do contexto e o discurso”. O poder, a ideoloxía ou a cultura, máis alá do termo que se queira utilizar, incide antes da palabra e da acción, e tamén despois, o contexto é o inicio do discurso, e fixase para formar parte da cultura, do sistema de representacións.
Aquí cómpre volver a un autor xa mencionado: Jeffrey C. Alexander, quen confronta nas súas análises políticas os Performance Studies e a socioloxía. Na súa obra, a dificultade para conseguir unha performance efectiva ou un discurso efectivo, é dicir, aquel que consegue unha “identidade compartida” (2011 : 26) entre espectador e performer (ou político) e unha “confianza intuitiva e irreflexiva” é lograr a fusión dos elementos que a conforman. Entre estes están os propios actores, o guión (script), a linguaxe… Pero que a diferencia de en sociedades primitivas son agora tratados de maneira crítica polos individuos. Sen embargo, os elementos clave para este texto, son as representacións simbólicas (a lexitimidade do discurso) e as representacións colectivas. Xa desde o ritual: “o carácter construído dos símbolos non o fai menos real” (p. 54), é dicir, a planificación da acción discursiva non é ineficiente se se consegue que as representacións abstractas ancoradas na cultura, sexan a base afectiva do discurso. O repercute no punto de vista que se amosa non só nas ferramentas do discurso institucional, que como nas eleccións americanas toman unha forza nunca vista antes. Senón en que na acción mínima que é a interacción coa interface dixital, a significación pode ser lida nun contexto máis amplo. É aquí onde se retoma o rexistro do daquilo non representable polo usuario de Byung-Chul Han. Non obstante como el di: “os datos rexistrados son enumerables pero non narrables” (p. 101), o discurso vén despois.
Así, se comprobamos unha necesidade de análise da problemática dixital, entre a cultura e o poder, non podemos atopar aínda entre os estudosos da cultura un método de análise específico para este. Os traballos aparecen con carácter interdisciplinario e sen especificidade suficiente e como di Galoway: “Non apareceron aínda representacións da sociedade de control” (p. 91). Pero si parece que hai un comezo de traxecto para as mesmas.
Representacións do poder
Pola ampla base sobre a que se cimentan os Cultural Studies estes parecen o contexto desde o que a análise do campo: Interface, cultura e poder, se debería exercer. Sen embargo aínda desde o xiro cognitivo destes na editora de Cognitive Cultural Studies, Lisa Zunshine, o problema da escola radica na falta de concentración, o campo amplo de traballo non é un punto de partida, senón tamén un punto de chegada, ela di: “Un estudante de estudos culturais faría ben en identificarse coa figura do bricoleur” refire á idea de Raymond Williams do “a whole way of life”, quen sen embargo tiña máis clara a función crítica que debían tomar estes estudos.
Se nos acercamos ao que en lingüística chamou Lakoff o compromiso cognitivo, á necesidade de aproximar as ciencias sociais aos revolucionarios avances das ciencias cognitivas, alá polos anos setenta e oitenta: O uso destes estudos son a base do que Han e Galloway definen como o poder do Big Data. Se ben isto formaría parte dun futuro desenvolvemento, o Data Mining e os estudos de UI son a base do que se denomina usuario implícito (Scolari, 2010), onde se concretan as representacións das prácticas na interface dixital dun individuo. Logo si existen métodos para delimitar o coñecemento que se pode ter das accións, das interacción, pero polo momento só teñen fins utilitaristas e de mantemento do poder. Un exemplo podería ser a tendencia ás iniciativas emprendedoras en Europa, que a través das posibilidades de Internet para a creación de novas empresas, fixa unha cultura meritocrática en ascenso.
Se partimos da Internet 3.0, tamén no campo do marketing, que atopa a súa orixe nas posibilidades de crítica e avaliación do produto por parte do consumidor (prosumidor outra vez), pódese chegar a conclusións similares. O 3.0 chega á publicidade como preocupación polo modo de produción (a acción), os valores e a misión (o discurso que desprenden), como di Philip Kotler. Hoxe parece que os medios están só do lado da empresa. Así, convén volver a Bourriaud, quen fala da necesidade que os artistas do novo século ven na desprogramación dos modelos capitalistas e conservadores. O autor francés chama a unha volta ao detournement situacionista, logo a un uso crítico das interfaces dixitais, a unha representación da sociedade de control, como tamén reclama Galloway.
Crítica e discurso?
Un dos problemas que amosan en común os autores tratados, é o modo en que o usuario fica reducido ao seu uso dos medios como simulacro da realidade. E é este un tema que aínda que xa tratado por moitos autores desde os anos sesenta, parece que nunca conseguiu a relevancia suficiente como para reformular os medios de poder. Se análises como os Gender Studies ou os Postcolonial Studies repercutían con forza na representación, o mundo continuou o seu xiro cara a lexitimación dun sistema de poder que non é xa biopolítico, senón como declara Byung-Chul Han, é hoxe psicopolítico, o ordenador non é fenomenolóxico como o cinema, “pregunta por unha interpretación política” (Galloway : 75). Unha evolución do que Susan Sontag reflectía sobre a fotografía: “A liberdade para consumir unha pluralidade de imaxes e mercancías equipárase coa liberdade mesma”.
Así, esíxese un uso crítico das posibilidades de representación do descoñecido nos novos medios. Como na referencia que Jeffrey C. Alexander (p. 38) fai do Levi-Strauss de Tristes Trópicos: “O chamán non é grande por ser capaz de curar, senón que cura por ser un gran chamán”. Aínda que o obxectivo sexa a curación, referida como na communitas de Víctor Turner, á reorganización da sociedade mediante a negación temporal do poder e a discriminación do poderoso; os medios sociais, parecen demasiado poderosos como creadores dun discurso de poder como para poder realizar unha crítica relevante sen o seu uso.
Bibliografía
Alexander, Jeffrey C. Performance and Power, 2011.
Bourriaud, Nicolas. Postproducción, 2002.
Bourriaud, Nicolas. Radicante, 2009.
Butler, Judith. El género en disputa, 1990.
Galloway, R Alexander. The interface effect, 2012.
Fischer-Lichte, Erika. Estética de lo performativo, 2004.
Han, Byung-Chul. Psicopolítica, 2014.
Han, Byung-Chul. En el enjambre, 2014.
Ibarretce-Artuñano Iraide e Valenzuela, Javier (Eds.). Lingüística Cognitiva, 2012.
Kotler, Phillip. Marketing 3.0, 2013.
Lehmann, Hans-Thies. Teatro posdramático, 1999.
Ricoeur, Paul. El discurso de la acción, 1980.
Rozik, Eli. Generating Theatre Meaning, 2008.
Scolari, C. Hipermediaciones, 2010.
Sontag, Susan. De la fotografía, 1996.
Turner, Víctor. El proceso titual, 1969.
Van Dijk, Teun A. Discurso y contexto, 2014.
Zunshine Lisa. Introduction to Cognitive Cultural Studies, 2010.